domingo, noviembre 05, 2006

Mudanza

Xa non ando por aquí dende hai un tempo.
Mudeime a outra dirección na que vou poñendo máis posts e paranoias variadas.
Estades invitados ó novo blog, que está en

http://marelua.blogaliza.org/


Graciñas e perdoade as molestias!!

miércoles, septiembre 13, 2006

¿Que che pasa, corazón?

Ola, corazonciño meu.
Escríboche esta carta porque notei que ultimamente non estás ben... Nótote distinto. ¿Pásache algo? Igual pillaches un virus deses que andan por aí... Sei de moitos compañeiros teus que andan tamén medio revolucionados...
Non sei, pero para min que non pode ser bo que te aceleres tanto cando se achega ese rapaz... ¿Ti viches como te pos? Latexas e latexas sen parar, e poste todo tolo cando se achega ós beizos. Meu filliño, isto non che é normal...
Pero como che dicía antes, ó teu arredor hai moitos que andan máis ou menos nas mesmas, así que debe ser algo xeral. O meu cerebro contoume un segredo: hai tempo que non pode parar de pensar nese raparigo. Seica non se pode concentrar noutra cousa que non sexa imaxinalo preto, moi pegadiño, entre mimos e agarimos... ¡Aínda ha ser el a causa da vosa doenza!
E os ollos andan medio toliños tamén, ¿sabíalo? Estanse volvendo uns paranoicos. Contáronme que os viron fitando o portal onde vive el. Cada vez que pasan por diante teñen que facer unha paradiña para ver se está entrando na súa casa. E polo visto cando o teñen diante, iso xa é descarado: van arriba e abaixo polo seu corpo, percorréndoo en olladas furtivas, perseguindo as súas mans e os seus beizos, e buscando os seus ollos.
Pois nada máis, meu corazón. Espero que me contestes axiña, porque estou un pouquiño preocupada. Ultimamente noto que latexas máis por el que por min. Non sei se estás a ser completamente sinceiro comigo, o se son eu a que non é sinceira contigo... O caso é que non sei se estou medio namorada del, ou se só é un capricho... ¿Ti que pensas?
Anda, escríbeme axiña e cóntame... Bótote de menos, non quero perderte...
Moitos agarimos,
Eu